Percanta que me amuraste
É arredor de 1880 cando chegan as primeiras compañías teatrais hispanas que levan no seu repertorio os grandes éxitos dos escenarios madrileños e reciben o aplauso do público. A maioría das pezas que se representan son do chamado xénero pequeño que estaba formado por sainetes, zarzuelas e revistas. A creación que tivo maior éxito e repercusión foi o sainete (axiña se convirte no sainete criollo) que nacera nas terras hispánicas no século XVI e tamén se lle chamaba paso ou entremés. O sainete é unha peza breve, de ambiente costumbrista que retrata e reflicte en tonalidade humorística os aconteceres dos sectores máis populares da poboación. A música nestas representacións posúe moita importancia e por iso foi que permitiu a entrada do tango nas creacións de autores nativos. Son moitos os tangos que obteñen éxito e difusión debido aos centos de representacións dunha obra. Coido que o mellor exemplo é o do tango Mi noche triste (Castriota-Contursi) que Manolita Poli cantou na estrea do sainete Los dientes del perro [Castillo-Weisbach) o 26 de abril de 1918. Un ano antes gravouno Carlos Gardel coa guitarra de José Ricardo (Odeón N.º 18010) e segundo os expertos é o primeiro tango que grava pero non houbo éxito de ventas ata despois que o canta Manolita Poli (tiña 19 anos) centos de veces no sainete.
Percanta que me amuraste
en lo mejor de mi vida,
dejándome el alma herida
y espina en el corazón,
sabiendo que te quería,
que eras vos mi alegría
y mi sueño abrasador,
para mí ya no hay consuelo
y por eso me encurdelo
pa´olvidarme de tu amor.
Os máis coñecidos autores de sainetes son moi prolíficos en obras estreadas. Temos a Carlos Mauricio Pacheco con máis de 70 obras e a González Castillo con arredor de 90 e a Alberto Vacarezza con 120 e a García Velloso con 140. A forte demanda fai medrar as infraestructuras pois en 1911 son 21 salas e logo en 1925 pasan a 32 e en 1928 xa son 43. Tamén aumenta o número de espectadores que pasa de dous millóns e medio anuais en 1889 a máis de seis millóns en 1925. A popularidade destas representacións está na boa síntese de elementos que o pobo atopa nestas obras teatrais xa que os espectadores sinten que son partícipes xa que no escenario o sainete fala dos seus problemas cotiáns. Os dramaturgos non esquecen que Bos Aires e Montevideo están sendo invadidas por milleiros de emigrantes europeos. Cando os cidadáns asisten ao teatro poden rir coas personaxes que representan aos distintos grupos de recén chegados e sempre no escenario un actor ou actriz fai de gayego ou de tano ou de turco (árabe do Líbano ou Siria). O que sucede enriba do escenario é o mesmo que están a vivir a cotío cos seus viciños. Os sainetes como indica o historiador Marcelino Fernández Santiago “a pesar do seu carácter caricaturesco e burlesco, aproximan a realidade do emigrante, xa que representan as dificultades dos inmigrantes para insertarse na nova realidade social”.
A literatura dramática de corte cidadá é unha testemuña realista sobre a incorporación –entre drama e sorriso– de milleiros de europeos nos centros urbanos riopratenses. O sainete crioulo documenta con veracidade a instalación do emigrante na cidade e a súa nova temática renova os antigos motivos hispánicos. Agora temos algo máis que uns simpáticos chulos madrileños xa que a cancha urbana se achegan os guapos, taitas, malevos, minas e os compadritos que envoltos na música dunha milonga ou dun tango, entran en loita con gayegos e tanos. A fórmula básica dun sainete aparece perfectamente definida na obra La comparsa se despide de Alberto Vacarezza do ano 1932:
un patio de conventillo,
un italiano encargao,
un yoyega retobao,
una percanta, un vivillo;
dos malevos de cuchillo,
un chamullo, una pasión.